18.11.07

De Correa Corredoira a Francisco Miguel



De pintor a pintor. Xabier Correa Corredoira expón na Galería Sargadelos de A Coruña do 7 de novembro ao 8 de decembro. A mostra está dedicada á memoria do pintor coruñés Francisco Miguel, asasinado en setembro de 1936.

Por pintor e coruñés, síntome herdeiro de FM (Francisco Miguel), de Urbano Lugrís, de Antonio Tenreiro e coma no espírito da época que corre, respiro a crise da man na arte (o reducionismo actual é dixital: chega o dedo) non podo coutar os aleixandrinos:

Tras cortarlle as santas mans a Francisco Miguel
os verdugos da guardia civil observaron
como pintaba coas sangraduras dos cotos
nunha laxe estrelecida pola peneira
dun castiñeiro ergueito na noite de verán.
A coraxe do mártir asustou aos covardes
e machucáronlle a testa a culatazos.
Foi daquela cando a nai da mar se revolveu
coas cunchas, nubes e rochedos que o pintor
quería e decidiu verter o seu recomezar
nas outras mans dos imaxineiros coruñeses
para que o grave crime ancorase na luz
lonxincua das conciencias contemplativas.

_______________Correa Corredoira. 2007

Fonte do Vídeo: NovaXove

28.5.07

"Só quedan, tal vez, as nubes"

Arroace. Linóleo. Proba de autor



TRAS A MAR, DENTRO DELA
baixo ela, fonduras
de pel de anémona.
Xenitais no refuxio:
perda. Pasada pedra
percebeira que rompe
o corazón. Camiño
declinante do clarón.
Encaixe do coral co
hipocampo de sal. Dos
beizos da ondina ao
torso do afogado.
Baba, escuma e a súa desaparición.
Levitación do xeo
estela de escualo
burbullar de cinema.
Corrente revirada
a través do galeón.
Corusca o esperma
polo ollo do polbo.
Cometas de aceiro
pombas que soñou poeta
polo teito gasoso.
Deriva encantada
do rumbo naufragado.

Poema e voz: Xabier Correa Corredoira.
Gravación: 25/05/07
Imaxe: Arroace. 1985. Linóleo. Proba de autor. 9x21 cm
Música: Amatorius de Rodrigo Leão

Xabier Correa Corredoira animou coa súa presenza e coas súas palabras a entrega de premios do XIV Certame Literario de Cambre. Xabier (A Coruña, 1952) é pintor, gravador, escultor, e nun tempo inicial quixo ser poeta. Do seu paso polo noso instituto déixanos a impresión da súa humanidade e estes versos que escoitastes na súa propia voz.

Penso que a súa obra, dalgún xeito, leva unha mensaxe nunha "botella al mar", e que nese manuscrito submariño poderemos ler estas palabras como un recado para o mundo: "Só quedan, tal vez, as nubes"

Lino Braxe
Prólogo ao catálogo da exposición Os días gravados, Fundación Luís Seoane, A Coruña, Novembro-Decembro 1999.