4.3.08

Poetas na súa voz: Xosé Miranda.

Se da miña paixón medra unha abidueira
que do teu colo nazan pombas,
que nos teus ollos, miña amiga, de lobo deixe o día
unha cor toda azul de adeus ou de chegada.

Se da miña paixón botan ramallos verdes
que do teu seo xurdan fontes,
que no sorriso dos teus beizos haxa un niño dourado,
ou un sol ou un vento que queime as despedidas.

Se da miña paixón amencen flores
que do teu sexo xermolen as folgueiras,
que o teu corpo estea cheo de bicos e de apertas
como un vaso de viño, porque o tempo non pase.

Se da miña paixón o froito cae en ti
que da túa gorxa saian as palabras,
que nos dedos das túas mans o silencio arda nun lume novo
que bote moito fume, porque se perdan tódolos camiños
e teña que quedarme.



Con Xosé Miranda falamos do lobo da xente, de lambiróns, de Fole, de Lovecraft... e logo, ao final da tarde, deixounos a súa voz neste poema do seu libro Carozo azul [1985], incluído en As cidades mergulladas. Poesía reunida 1973-2002 [2003]

Poema e voz: Xosé Miranda.
Gravación: 03/03/08. Realizada por Miguel Souto e Alejandro Mella (4º B)
Música: Memórias de Rodrigo Leão

29.10.07

Poetas na súa voz

Flores, por exemplo, non recordo, non sei
se valen os peixes de cores que había encima da vanguard
que mercaron cando nacín. Vivíamos no segundo,
ao redor dun patio cincento, unha sucesión de plásticos
particulares. As veciñas cantaruxaban
sobre eles. Eran gotas soas de auga na tarde inmensa,
a hora que paraba a televisión.
No piso ras do chan dúas vellas
amoreaban leña e varredura. A porta
cheiraba tanto que estaban soas, ou tolas,
como se non vivisen na cidade.

----------------de A vella peneira a noite.

Xabier Cordal (A Coruña, 1965) le para nós o poema que serve de autobiografía na súa ficha da Biblioteca Virtual Galega.



Na rede:
Ronseltz: a revolución en verso
Unicornio de cenorias que cabalgas os sábados (escolma)

28.5.07

"Só quedan, tal vez, as nubes"

Arroace. Linóleo. Proba de autor



TRAS A MAR, DENTRO DELA
baixo ela, fonduras
de pel de anémona.
Xenitais no refuxio:
perda. Pasada pedra
percebeira que rompe
o corazón. Camiño
declinante do clarón.
Encaixe do coral co
hipocampo de sal. Dos
beizos da ondina ao
torso do afogado.
Baba, escuma e a súa desaparición.
Levitación do xeo
estela de escualo
burbullar de cinema.
Corrente revirada
a través do galeón.
Corusca o esperma
polo ollo do polbo.
Cometas de aceiro
pombas que soñou poeta
polo teito gasoso.
Deriva encantada
do rumbo naufragado.

Poema e voz: Xabier Correa Corredoira.
Gravación: 25/05/07
Imaxe: Arroace. 1985. Linóleo. Proba de autor. 9x21 cm
Música: Amatorius de Rodrigo Leão

Xabier Correa Corredoira animou coa súa presenza e coas súas palabras a entrega de premios do XIV Certame Literario de Cambre. Xabier (A Coruña, 1952) é pintor, gravador, escultor, e nun tempo inicial quixo ser poeta. Do seu paso polo noso instituto déixanos a impresión da súa humanidade e estes versos que escoitastes na súa propia voz.

Penso que a súa obra, dalgún xeito, leva unha mensaxe nunha "botella al mar", e que nese manuscrito submariño poderemos ler estas palabras como un recado para o mundo: "Só quedan, tal vez, as nubes"

Lino Braxe
Prólogo ao catálogo da exposición Os días gravados, Fundación Luís Seoane, A Coruña, Novembro-Decembro 1999.

2.5.07

María Mariño Carou, un podcast

María Mariño Carou



Guión e voz do narrador: Andrés Ibañez
Voz de María Mariño: Mar Castro
Poemas recitados (por orde de intervención): Iria Vázquez, Sara García, Alejandra Lozano e Rocío Paredes

Técnico de Son: Antón Calvo
Música: Enya (Willows on the water, Day without rain e Pax Deorum)

Silencios e outros ruídos: grupo de Literatura galega do século XX, 2º Bac.


Foto: cabrafanada

8.1.07

Marica Campo e Djuna Barnes

Marica Campo convídanos a (re)descubrir a escritora estadounidense Djuna Barnes (New York 1892-1982) autora de O bosque da noite (Nightwood) (1936).

Djuna Barnes
"Porque o teu corazón é unha nada
amarga, nada" sempre repetías
a ser o eco nas noites e nos días
de quen che dera así a coitelada.

A flor dunha paixón, morta coa amada
voz que te nomeaba e te fería,
gardada baixo a axila revivía
e era unha rosa grande e incendiada.

Xuraches vida eterna para a rosa,
a soas co teu gato e coa amargura,
formidable muller e poderosa

contra o tempo que todo borra e cura.
Desde unha nada amarga, valerosa,
estreaches en vida a sepultura.

Marica Campo, Mulleres

16.12.06

Alcohorama

Aínda que con algún retraso, queremos felicitar á nosa especial colaboradora, Estíbaliz Espinosa, polo primeiro premio no I Concurso de Podcasts poeticoartísticos convocado por La Pell del Llavi e o Concello de Tarragona. Escoita este Alcohorama


29.6.06

A voz dos poetas: Francisco Salinas Portugal

Francisco Salinas, que nos visitou para lle falar ao alumnado de bacharelato de literatura africana en lingua portuguesa, deixounos a súa voz neste poema do seu libro Os habitantes da culpa (1988)

Despois da culpa

Alguns dias chegavas nome a nome nos meus versos
e sentavas-te no centro do poema
e eu era entón un rumor ou ave de siléncio
un fremente balbordo das mans rotas
sinais que alguén perdeu algures nos corpos mais lonxíncuos

Dirán despois da culpa que a imaxe é un instante
que a luz se derramava na cintura
e até a terra viña o eco calado da tua boca absorta
na marcha ou no bradar doutros torrentes

Era tempo feliz o tempo da obsidiana
cando ti reclinavas a fronte no meu ombro
o peito contra o peito acompasado

E nascia-nos fugaz un tedio como arxila
nen terror ou vertixe dos xestos que na música odiávamos.