Despois de ter feito a memoria deste obradoiro, de ter lido unha vez máis todos os textos e opinións nos blogs persoais de cada alumno e de botar un ollo ás fotos que as rapazas tiraron no patio do instituto e nas aulas, só me queda despedirme cunha nota ao pé.
As notas ao pé non son textos importantes. Son aclaracións ou reflexións ao fío do texto esencial do libro, por iso aparecen en letra máis pequena e na parte de abaixo da páxina.
Considero que os textos esenciais de toda esta historia -que se cadra algún día outros lerán- son os textos elaborados por Tamara, María, Yessica, Cinthia, Olalla, Ismael, Sabela e Natalia. Fico moi orgullosa de ter atopado rapazas (e rapaz) con tantas inquedanzas, con tanta sensibilidade e mestría á hora de poñer por escrito as súas reflexións e historias. Lembro especialmente os textos líricos do último día, algún dos cales paréceme dunha altura literaria que non ten nada que envexar á de autores consagrados. Os textos en glíglico, os Je me souviens, as máquinas inventadas... amosan calidade expresiva e emocional. Deixan ver unha boa base sobre a que seguir construíndo.
En canto a eles, as alumnas e alumno, quédalles un camiño moi longo por percorrer aínda, o cal significa vidas moi prometedoras por vivir. Quizais queiran compartir connosco algo delas e por escrito, ou quizais non. Quizais se fagan directoras de cine, bailarinas, acróbatas ou actrices. Quizais sexan deseñadoras, ministras ou doutoras en mediciña. Informáticas, cantantes, piloto de Fórmula 1...
Sexan o que sexan, deixaron algo escrito aquí. Non sei se para sempre sempre, pero si para uns cantos sempres que poderemos ver e lembrar cando nos pete...
Bicas cursivas,
estíbaliz...
31.12.05
notas ao pé dun obradoiro literario
Publicada por estibaliz... à(s) 13:03
Etiquetas: Estíbaliz Espinosa, obradoiro literario
Subscrever:
Enviar feedback (Atom)
0 comentarios:
Enviar um comentário