Se da miña paixón medra unha abidueira
que do teu colo nazan pombas,
que nos teus ollos, miña amiga, de lobo deixe o día
unha cor toda azul de adeus ou de chegada.
Se da miña paixón botan ramallos verdes
que do teu seo xurdan fontes,
que no sorriso dos teus beizos haxa un niño dourado,
ou un sol ou un vento que queime as despedidas.
Se da miña paixón amencen flores
que do teu sexo xermolen as folgueiras,
que o teu corpo estea cheo de bicos e de apertas
como un vaso de viño, porque o tempo non pase.
Se da miña paixón o froito cae en ti
que da túa gorxa saian as palabras,
que nos dedos das túas mans o silencio arda nun lume novo
que bote moito fume, porque se perdan tódolos camiños
e teña que quedarme.
Con Xosé Miranda falamos do lobo da xente, de lambiróns, de Fole, de Lovecraft... e logo, ao final da tarde, deixounos a súa voz neste poema do seu libro Carozo azul [1985], incluído en As cidades mergulladas. Poesía reunida 1973-2002 [2003]
Poema e voz: Xosé Miranda.
Gravación: 03/03/08. Realizada por Miguel Souto e Alejandro Mella (4º B)
Música: Memórias de Rodrigo Leão
4.3.08
Poetas na súa voz: Xosé Miranda.
Publicada por
Xoán
à(s)
16:13
1 comentarios
Etiquetas: audio, podcast, poema, poetas na súa voz, voz, Xosé Miranda
29.10.07
Poetas na súa voz
Flores, por exemplo, non recordo, non sei
se valen os peixes de cores que había encima da vanguard
que mercaron cando nacín. Vivíamos no segundo,
ao redor dun patio cincento, unha sucesión de plásticos
particulares. As veciñas cantaruxaban
sobre eles. Eran gotas soas de auga na tarde inmensa,
a hora que paraba a televisión.
No piso ras do chan dúas vellas
amoreaban leña e varredura. A porta
cheiraba tanto que estaban soas, ou tolas,
como se non vivisen na cidade.
----------------de A vella peneira a noite.
Xabier Cordal (A Coruña, 1965) le para nós o poema que serve de autobiografía na súa ficha da Biblioteca Virtual Galega.
Na rede:
Ronseltz: a revolución en verso
Unicornio de cenorias que cabalgas os sábados (escolma)
Publicada por
Xoán
à(s)
21:33
2
comentarios
Etiquetas: audio, podcast, poema, poetas na súa voz, voz, Xabier Cordal


















