4.3.08

Poetas na súa voz: Xosé Miranda.

Se da miña paixón medra unha abidueira
que do teu colo nazan pombas,
que nos teus ollos, miña amiga, de lobo deixe o día
unha cor toda azul de adeus ou de chegada.

Se da miña paixón botan ramallos verdes
que do teu seo xurdan fontes,
que no sorriso dos teus beizos haxa un niño dourado,
ou un sol ou un vento que queime as despedidas.

Se da miña paixón amencen flores
que do teu sexo xermolen as folgueiras,
que o teu corpo estea cheo de bicos e de apertas
como un vaso de viño, porque o tempo non pase.

Se da miña paixón o froito cae en ti
que da túa gorxa saian as palabras,
que nos dedos das túas mans o silencio arda nun lume novo
que bote moito fume, porque se perdan tódolos camiños
e teña que quedarme.



Con Xosé Miranda falamos do lobo da xente, de lambiróns, de Fole, de Lovecraft... e logo, ao final da tarde, deixounos a súa voz neste poema do seu libro Carozo azul [1985], incluído en As cidades mergulladas. Poesía reunida 1973-2002 [2003]

Poema e voz: Xosé Miranda.
Gravación: 03/03/08. Realizada por Miguel Souto e Alejandro Mella (4º B)
Música: Memórias de Rodrigo Leão

1 comentarios:

Anónimo dixo...

Xenial! Encántanos esta sección de poetas na súa voz. Acabamos de descubrir a Xosé Miranda como poeta. A elección da música de Rodrigo Leao foi un acerto. Encantounos todo o traballo. Parabéns!

Publicar um comentário