8.1.07

Marica Campo e Djuna Barnes

Marica Campo convídanos a (re)descubrir a escritora estadounidense Djuna Barnes (New York 1892-1982) autora de O bosque da noite (Nightwood) (1936).

Djuna Barnes
"Porque o teu corazón é unha nada
amarga, nada" sempre repetías
a ser o eco nas noites e nos días
de quen che dera así a coitelada.

A flor dunha paixón, morta coa amada
voz que te nomeaba e te fería,
gardada baixo a axila revivía
e era unha rosa grande e incendiada.

Xuraches vida eterna para a rosa,
a soas co teu gato e coa amargura,
formidable muller e poderosa

contra o tempo que todo borra e cura.
Desde unha nada amarga, valerosa,
estreaches en vida a sepultura.

Marica Campo, Mulleres