27.10.05

Chegada á aula de TEE


Ola, bos días.

Así se comeza unha clase neste século XXI que tamén acaba de comezar. Fanse as presentacións pertinentes (Yessica, María, Ismael, Natalia, Cinthia, Olalla, Sabela e Tamara, ao principio non lembro apenas qué nome vai con qué cara) i eu son Estíbaliz e bla e bla...

Falar da ficción é algo curioso, apaixonante. Os seres humanos crémonos moito os finximentos, temos un don especial para a mentira: choramos no cine, emocionámonos cunha canción, alporízanos unha novela que fala da inxustiza, fainos rir unha viñeta de comic... Gústanos todo o que é invento, criatura, imaxinación, inexistencia, imposible... Aos rapaces que coñezo no David Buxán, penso que tamén. Que fan, se non, nunha aula de Técnicas de Expresión? Algo quererán contarnos, digo eu.

A todos os seres humanos gústanos lembrar cousas que teñen que ver con nós mesmos. A primeira actividade con eles ten que ver coa lembranza. Baseándome no Je me souviens de Georges Perec, cada un dos alumnos lembra detalles da súa vida, dos seus gustos, da súa nenez, dos seus veciños, das súas emocións...que son coma folerpas vistas a través dun microscopio. A lembranza é unha forma primordial de literatura...

JE ME SOUVIENS...

LÉMBROME DE...

Yessica: Lémbrome de...

...O si quero da miña irmá o día da súa voda
...unha canción dunhas zapatillas rosas que se anunciaban na TV cando tiña 7 anos
...o día que aprendín a facer globos de chicle

María: Lémbrome de...

...o día que chegou a miña gata á casa
...cando vivía no Burgo e a gata tumbaba no radiador
...da gaivota do instituto que está no mesmo lugar, día tras día

Ismael: Lémbrome de...

...cando naceu meu irmán
...as sopas de fideos que fai a miña avoa
...unha praza que hai en Pontevedra chea de pombas

Tamara: Lémbrome de...

...cando meu abuelo chegaba os domingos pola noite de cazar ulindo a jara
...cando era pequena e ía comer spaguetti á casa da miña veciña
...cando tiña pesadelos co monstro das algas

Natalia: Lémbrome de...

...as botas rosas que me regalou miña tía cando tiña 7 anos
...o día que aprendín a andar en bicicleta co meu pai
...a planta que tiña a miña nai no salón

Cinthia: Lémbrome de...

...ver os Simpson os domingos pola noite mentres ceabamos
...que cando era pequena ía á casa da veciña a comer un anaco de pan
...a boneca coa que xogaba ás mamás de pequena

Olalla: Lémbrome de...

...os timadores das Ramblas de Barcelona
...que nas competicións de piragüismo sempre levaba a ranita da sorte na piragua. Case nunca gañaba
...a desorde que tiñamos na tenda de campaña

Sabela: Lémbrome de...

...as manifestacións contra a guerra do Iraq
...quedar esperta a noite do Nadal
...a primeira vez que fun nun avión

Estíbaliz: Lémbrome de...

...bucear de nena convencida de que me ía saír cola de peixe
...o moito que chovía cando o Lémbrome de no IES D. Buxán
...esquecer o rostro dun home

Un millón de letras


O 13 de outubro comezamos un obradoiro de literatura e escritura cos alumnos de Técnicas de Expresión Escrita de 4º da ESO. A idea é partir dos eixes esenciais da literatura (contar algo a través da linguaxe, falada ou escrita) sen deixar de ter en conta que está intimamente vencellada a manifestacións artísticas que ás veces resultan máis accesibles, coma o cine ou a música.

O ser humano ten ganas de contar a súa historia, o que fai. Ten ganas de deixar neste planeta algo máis que fósiles e restos de ADN. Para iso sae fóra de si mesmo e, desde as narracións rupestres da caza do bisonte ata as invencións de artiluxios que rozan a imposibilidade -coma a máquina do tempo ou as viaxes siderais- plasma esas vivencias finxidas a través da palabra falada en papiros, pergameos ou papeis con tinta chinesa.

Son millóns de letras, símbolos, debuxiños desde entón. Levamos moito tempo intentando tatuar a pel desta Terra, quizais porque estamos un pouco sós.

Os temas e formas da literatura semellasen ser eternos, aínda que sempre muta un pouco a perspectiva: o amor, a morte, o humor, as vivencias cotiás, a fame, os monstros, a natureza, a guerra, os animais, os deuses, a política, os outros homes vistos dende arriba, os outros homes vistos dende abaixo, os outros homes vistos como iguais, os outros en xeral, eu mesma, ti mesmo...

A actividade desenvólvese en catro sesións coas súas correspondentes prácticas:

OBRADOIRO LITERATURA-ESCRITURA

Estíbaliz Espinosa Río

IES DAVID BUXÁN CAMBRE


1ª XORNADA “Lémbrome de...”

DURACIÓN: 2 HORAS

A literatura e os centros da memoria:

-os métodos mnemotécnicos da oralidade: a rima, o ritmo (Homero, Meendiño, Pessoa)
- todos escribiron para perdurar : Horacio (acabei un monumento máis duradeiro ca o bronce), Shakespeare, os grafitteiros
- Actividade con Georges Perec: Je me souviens


2ª XORNADA: “ Tócaa de novo, Sam...”

DURACIÓN: 2 HORAS

Escribir, falar... é cantar

-Letras de cantigas/cancións:

- "Ondas do mar de Vigo" Martín Códax
- "Si, mi chiamano Mimí", G. Puccini- M. Callas
- "Knocking on heaven's door" Bob Dylan
- "Nowhere man" Beatles
- "Sympathy for the devil" Rolling Stones
- "Desafinado" A. C. Jobim
- "Human behaviour" Björk
- "You said something" Pj Harvey


- Actividade: preparamos un disco con 3 cancións. Escribimos a letra de unha. Actividade para a semana seguinte: preparar 2 máis. Gravaránse con minidisc


3ª XORNADA: “ To the infinite...and beyond”

DURACIÓN: 2 HORAS

Máis aló dos temas/teimas eternos

-Amor: Cantar dos Cantares, Safo, Shakespeare, Cunqueiro,
- Morte: Rosalía, Poe
- Finxo a ficción: Don Quijote, Hamlet, Borges
- A ciencia-ficción
- O humor: Wilde, o glíglico de Cortázar
- A trascendencia do humano: Avilés de Taramancos

Actividade: crear un texto conxunto sobre algún tema a elixir

4ª XORNADA: “ Eu...Ti”

DURACIÓN: 2 HORAS

Literatura para cosmonautas: cómo contactar co máis alá da miña propia pel

- Diarios: Sei Shonagon
- Walt Whitman: “Quen toca isto, non toca un home, toca un libro”
- Os weblogs
- Publicidade: metáforas en TV
- Cine: contar con imaxes unha historia