10.10.07

Biblioteca Underwood

INTENCIÓNS, 2005, 30x26,5x9,5
Pepe Cáccamo, Vigo, 1950.
Os 14 títulos da súa obra poética publicada até hoxe foron reunidos en Acoradoiro, Espiral Maior, 2003. A súa autobiografía, Memoria de poeta, foi publicada pola editorial Galaxia en 2006.

Co título de Underwood, Pepe Cáccamo presenta un conxunto de pezas a cabalo entre o mundo poético e o escultórico. Todo o traballo de Xosé María Álvarez Cáccamo e o seu compromiso vital e social son testemuño dunha actitude poética excepcional que sempre o situou alén de calquera camiño poético doado, á marxe das regras máis convencionais da industria cultural e revelándose contra das convencións dominantes.

Carlos L. Bernárdez

Na Galería Sargadelos, rúa Real, 56, até o 20 de outubro.

Actualización (261107): accede a todos os obxectos da exposición.

29.9.07

Son de poetas

Son de poetas é un proxecto de traballo para este curso. Coa vosa colaboración iremos seleccionando poemas galegos musicados de todas as épocas. Colocaremos un acceso directo á antoloxía na barra lateral e publicaremos aquí tamén as novidades que se vaian incluíndo. Comezamos con dúas versións desta "Negra sombra" de Rosalía de Castro (Follas Novas, 1880). Escoita as dúas versións que che propoñemos e dinos cal é a que máis che gusta.


Cando penso que te fuches,
negra sombra que m' asombras,
ó pé dos meus cabezales
tornas facéndome mofa.
Cando maxino qu' es ida,
no mesmo sol te m' amostras,
i eres a estrela que brila,
i eres o vento que zoa.
Si cantan, es ti que cantas;
si choran, es ti que choras;
i es o marmurio do río,
i es a noite i es a aurora.
En todo estás e ti es todo
pra min i en min mesma moras,
nin m' abandonarás nunca,
sombra que sempre m' asombras.

ROSALÍA de CASTRO, Follas Novas, Vigo, Galaxia, 1993.

Versión de Amancio Prada.

Luz Casal e Carlos Núñez.



Create polls and vote for free. dPolls.com

10.9.07

Comezo de curso

















Así o ve Xaquín Marín. Recollido en culturagalega.org.

3.9.07

Obras

O servidor da AulaCesga permanecerá pechado entre os días 2 e 10 de setembro. Nos últimos tempos, grazas á amabilidade dos seus xestores, estivemos utilizando este servidor para almacenar algúns arquivos que Blogger non nos permitía subir. Primeiro foron algúns pdf, despois os audios das nosas gravacións e finalmente fixemos algunha experiencia con imaxes. Mentres duren estas operacións de mantemento, a nosa páxina mostrarase con algunhas deficiencias. Aproveitamos a ocasión para agradecer as axudas prestadas e o esforzo de actualización do servizo. Grazas.

13.8.07

Don Hamlet na praza de touros da Coruña

Don Hamlet de Cunqueiro na paraza de touros da Coruña

Cartel incluído na exposición Memoria das paredes. Os carteis de Depósito Legal na Biblioteca pública da Coruña Miguel González Garcés.

Que cousas pensades que se poden facer nunha praza de touros, un día de agosto, fóra do triste espectáculo no que torturan e matan a un animal?

30.7.07

Poema gráfico (IV)

24.7.07

Poema gráfico (III)

9.7.07

Poema gráfico (II)

3.7.07

Poema gráfico (I)



14.6.07

Os nosos cadernos

castafiore sorriso

de todo un pouco pequepitufa

onde eu escribo O noso

bangatama

4.6.07

Entrevista a Pedro Silva

Pedro SilvaAdemais de blogueiro activo, Pedro Silva é licenciado en Xeografía e Historia e até hai pouco traballou como Administrador de sistemas na Consellería de Educación da Comunidade de Murcia. Hoxe traballa para C.T.I. TEGNIX, S.L. unha empresa galega dedicada ao software libre. Membro da asociación AGNIX, é o principal desenvolvedor do
GNIX, unha distribución GNU/Linux en galego para o pobo. Foi un dos impulsores de blogaliza.org e o seu xestor até hoxe. Tamén participou no nacemento de podgalego.org, lugar de encontro dos falangullos (podcast) en galego.
Estas foron as preguntas que amablemente respondeu para o alumnado de Técnicas de expresión escrita a través do correo electrónico. Poderedes ver esta entrevista impresa na revista do Equipo de normalización lingüística, O falar das ondas. Para ler a entrevista completa terás que facer clic en sigue lendo...

Preguntas:

Son moitos os blogues en galego?


Son unha boa cantidade. Que teñamos indexados, ou camiño de indexar, temos case 3000. Pero hai moitos máis. E o número crece coa mesma velocidade que no resto do espazo blogues, duplicando cada seis meses. Precisamente levamos uns meses traballando na automatización deste proceso de altas, pero mentres non o temos feito, precisamos de colaboración.
Sigue Lendo...

En que consiste o proxecto Blogaliza?

Comezamos coma unha palabra, coma blogsphere, ou blogsfera. Un pequeno grupo de blogueiros que queriamos facer algo máis. Algo relacionado coa nosa lingua e os blogues. Despois foi blogaliza.org, coma un espazo na rede para autodefinición deste debate. E hai case un ano (por certo, dentro de nada vai ser o primeiro cabodano de blogaliza.org, tal e coma o coñecemos hoxe), un proxecto máis intenso: un hosting para blogues en galego baseado no mellor software:wordpress. Agora seguimos crecendo, temos case 1000 blogues no hosting.

Que podemos encontrar na páxina de Blogaliza?

Tres ideas que creceron no proceso de debate daqueles primeiros tempos. Tres servizos para a comunidade dos que fan blogues en galego:

  • uns listados de blogues en galego
  • as últimas anotacións dos blogues “de blogaliza”
  • un hosting no que, en menos de cinco minutos, podemos estar publicando o noso blogue: blogaliza.org

Que fai falta para ter un blogue en Blogaliza? Hai que saber moitas cousas de informática?


Moitas, moitas, non. Algunhas, si. Hai que saber encender o computador, abrir o navegador e ir cara a http://blogaliza.org. O resto é tan sinxelo (e tan difícil) coma levar un diario en papel (árbores mortas), ou un receitario na cociña.

Oímos falar da web 2.0? Que relación teñen os blogues coa web 2.0?

Primeiro habería que explicar de onde vén o 2, e cal foi o 1 que estivo antes. Habería que falar do CERN, do Mosaic, e do hipertexto. E máis antes, das redes tcp/ip, deseñadas nos paranoicos anos da guerra fría, e capaces de se auto-organizar para manter o tráfico a pesar da caída dalgúns dos seus nodos nunha hipotética situación de guerra total... Tamén das ligazóns (o “hipertexto”) e da narrativa non lineal, filla do discurso oral inzado de referencias que o fan labiríntico e espiral. Pero tamén da distancia entre os “produtores de contidos” e os “consumidores de contidos” naquel tempo da primeira revolución de internet. Pero tamén das interfaces gráficas, daquel vello trebello chamado “rato” que xa debe ter os seus días contados. E do computador persoal, e das redes, como non.
Polo que respecta aos blogues, son unha das ferramentas que fixeron a chamada “revolución da web participativa”. Antes dos blogues, para “opinar” en internet había que “escribir en html”, fora do xeito que fora, ben fora aprendendo, ou pagando. Os blogues facilitan unha interfaz sinxela para escribir e publicar contidos multimedia na web. Calquera pode dicir o que queira. Esta facilidade é a que deu lugar á explosión de contidos en internet nos últimos dous anos.

Vemos na información sobre ti que es un dos programadores dunha distribución GNU/Linux en galego, cal cres que é o futuro do Software libre? Como podemos conseguir Linux en galego?

Primeiro aclarar que non programei nin unha liña de código para a tal distribución de gnu/linux en galego, o GNIX. O meu traballo no equipo de desenvolvemento deste proxecto limitouse simplemente a empregar unha metodoloxía de personalización que permite ter unha distribución de linux galeguizada cun mínimo esforzo, a partir do traballo desinteresado de moitos grupos de usuarios, desenvolvedores e tradutores, que son os que fan o “traballo real”.
Aclarado este punto, dicir que o futuro do software libre, no curto prazo, é ser coñecido e empregado en tódolos espazos de emprego da computación. No longo prazo agardo que sexa o “modelo a seguir” noutros ámbitos do coñecemento nos que, igual que pasa na informática, o produto pódese copiar sen perda de información e sen custe. Será a revolución da distribución da información, que segundo algún gurú do MIT, xa rematou, e gañaron os bos. Entón, os das entidades de xestión de dereitos autoriais serían coma o xaponés que seguía agochado nunha illa do pacífico, sen saber que a guerra xa rematara.
Podedes atopar e descargar linux en galego na web da asociación que promove o GNIX. E podes copialo, regalalo e distribuílo na forma que prefiras, porque TES DEREITO A FACELO.

Por certo, non é preciso que utilicedes MSWord para escribir os vosos documentos de texto, non é preciso que paguedes por ese software. Tendes OpenOffice, en galego e libre.
Apertas!

28.5.07

"Só quedan, tal vez, as nubes"

Arroace. Linóleo. Proba de autor



TRAS A MAR, DENTRO DELA
baixo ela, fonduras
de pel de anémona.
Xenitais no refuxio:
perda. Pasada pedra
percebeira que rompe
o corazón. Camiño
declinante do clarón.
Encaixe do coral co
hipocampo de sal. Dos
beizos da ondina ao
torso do afogado.
Baba, escuma e a súa desaparición.
Levitación do xeo
estela de escualo
burbullar de cinema.
Corrente revirada
a través do galeón.
Corusca o esperma
polo ollo do polbo.
Cometas de aceiro
pombas que soñou poeta
polo teito gasoso.
Deriva encantada
do rumbo naufragado.

Poema e voz: Xabier Correa Corredoira.
Gravación: 25/05/07
Imaxe: Arroace. 1985. Linóleo. Proba de autor. 9x21 cm
Música: Amatorius de Rodrigo Leão

Xabier Correa Corredoira animou coa súa presenza e coas súas palabras a entrega de premios do XIV Certame Literario de Cambre. Xabier (A Coruña, 1952) é pintor, gravador, escultor, e nun tempo inicial quixo ser poeta. Do seu paso polo noso instituto déixanos a impresión da súa humanidade e estes versos que escoitastes na súa propia voz.

Penso que a súa obra, dalgún xeito, leva unha mensaxe nunha "botella al mar", e que nese manuscrito submariño poderemos ler estas palabras como un recado para o mundo: "Só quedan, tal vez, as nubes"

Lino Braxe
Prólogo ao catálogo da exposición Os días gravados, Fundación Luís Seoane, A Coruña, Novembro-Decembro 1999.

15.5.07

Galegando

A MesaA Mesa
A MesaA Mesa

Descubre as catro ligazóns que se esconden na imaxe.

2.5.07

María Mariño Carou, un podcast

María Mariño Carou



Guión e voz do narrador: Andrés Ibañez
Voz de María Mariño: Mar Castro
Poemas recitados (por orde de intervención): Iria Vázquez, Sara García, Alejandra Lozano e Rocío Paredes

Técnico de Son: Antón Calvo
Música: Enya (Willows on the water, Day without rain e Pax Deorum)

Silencios e outros ruídos: grupo de Literatura galega do século XX, 2º Bac.


Foto: cabrafanada