27.10.05

Chegada á aula de TEE


Ola, bos días.

Así se comeza unha clase neste século XXI que tamén acaba de comezar. Fanse as presentacións pertinentes (Yessica, María, Ismael, Natalia, Cinthia, Olalla, Sabela e Tamara, ao principio non lembro apenas qué nome vai con qué cara) i eu son Estíbaliz e bla e bla...

Falar da ficción é algo curioso, apaixonante. Os seres humanos crémonos moito os finximentos, temos un don especial para a mentira: choramos no cine, emocionámonos cunha canción, alporízanos unha novela que fala da inxustiza, fainos rir unha viñeta de comic... Gústanos todo o que é invento, criatura, imaxinación, inexistencia, imposible... Aos rapaces que coñezo no David Buxán, penso que tamén. Que fan, se non, nunha aula de Técnicas de Expresión? Algo quererán contarnos, digo eu.

A todos os seres humanos gústanos lembrar cousas que teñen que ver con nós mesmos. A primeira actividade con eles ten que ver coa lembranza. Baseándome no Je me souviens de Georges Perec, cada un dos alumnos lembra detalles da súa vida, dos seus gustos, da súa nenez, dos seus veciños, das súas emocións...que son coma folerpas vistas a través dun microscopio. A lembranza é unha forma primordial de literatura...

JE ME SOUVIENS...

LÉMBROME DE...

Yessica: Lémbrome de...

...O si quero da miña irmá o día da súa voda
...unha canción dunhas zapatillas rosas que se anunciaban na TV cando tiña 7 anos
...o día que aprendín a facer globos de chicle

María: Lémbrome de...

...o día que chegou a miña gata á casa
...cando vivía no Burgo e a gata tumbaba no radiador
...da gaivota do instituto que está no mesmo lugar, día tras día

Ismael: Lémbrome de...

...cando naceu meu irmán
...as sopas de fideos que fai a miña avoa
...unha praza que hai en Pontevedra chea de pombas

Tamara: Lémbrome de...

...cando meu abuelo chegaba os domingos pola noite de cazar ulindo a jara
...cando era pequena e ía comer spaguetti á casa da miña veciña
...cando tiña pesadelos co monstro das algas

Natalia: Lémbrome de...

...as botas rosas que me regalou miña tía cando tiña 7 anos
...o día que aprendín a andar en bicicleta co meu pai
...a planta que tiña a miña nai no salón

Cinthia: Lémbrome de...

...ver os Simpson os domingos pola noite mentres ceabamos
...que cando era pequena ía á casa da veciña a comer un anaco de pan
...a boneca coa que xogaba ás mamás de pequena

Olalla: Lémbrome de...

...os timadores das Ramblas de Barcelona
...que nas competicións de piragüismo sempre levaba a ranita da sorte na piragua. Case nunca gañaba
...a desorde que tiñamos na tenda de campaña

Sabela: Lémbrome de...

...as manifestacións contra a guerra do Iraq
...quedar esperta a noite do Nadal
...a primeira vez que fun nun avión

Estíbaliz: Lémbrome de...

...bucear de nena convencida de que me ía saír cola de peixe
...o moito que chovía cando o Lémbrome de no IES D. Buxán
...esquecer o rostro dun home

Un millón de letras


O 13 de outubro comezamos un obradoiro de literatura e escritura cos alumnos de Técnicas de Expresión Escrita de 4º da ESO. A idea é partir dos eixes esenciais da literatura (contar algo a través da linguaxe, falada ou escrita) sen deixar de ter en conta que está intimamente vencellada a manifestacións artísticas que ás veces resultan máis accesibles, coma o cine ou a música.

O ser humano ten ganas de contar a súa historia, o que fai. Ten ganas de deixar neste planeta algo máis que fósiles e restos de ADN. Para iso sae fóra de si mesmo e, desde as narracións rupestres da caza do bisonte ata as invencións de artiluxios que rozan a imposibilidade -coma a máquina do tempo ou as viaxes siderais- plasma esas vivencias finxidas a través da palabra falada en papiros, pergameos ou papeis con tinta chinesa.

Son millóns de letras, símbolos, debuxiños desde entón. Levamos moito tempo intentando tatuar a pel desta Terra, quizais porque estamos un pouco sós.

Os temas e formas da literatura semellasen ser eternos, aínda que sempre muta un pouco a perspectiva: o amor, a morte, o humor, as vivencias cotiás, a fame, os monstros, a natureza, a guerra, os animais, os deuses, a política, os outros homes vistos dende arriba, os outros homes vistos dende abaixo, os outros homes vistos como iguais, os outros en xeral, eu mesma, ti mesmo...

A actividade desenvólvese en catro sesións coas súas correspondentes prácticas:

OBRADOIRO LITERATURA-ESCRITURA

Estíbaliz Espinosa Río

IES DAVID BUXÁN CAMBRE


1ª XORNADA “Lémbrome de...”

DURACIÓN: 2 HORAS

A literatura e os centros da memoria:

-os métodos mnemotécnicos da oralidade: a rima, o ritmo (Homero, Meendiño, Pessoa)
- todos escribiron para perdurar : Horacio (acabei un monumento máis duradeiro ca o bronce), Shakespeare, os grafitteiros
- Actividade con Georges Perec: Je me souviens


2ª XORNADA: “ Tócaa de novo, Sam...”

DURACIÓN: 2 HORAS

Escribir, falar... é cantar

-Letras de cantigas/cancións:

- "Ondas do mar de Vigo" Martín Códax
- "Si, mi chiamano Mimí", G. Puccini- M. Callas
- "Knocking on heaven's door" Bob Dylan
- "Nowhere man" Beatles
- "Sympathy for the devil" Rolling Stones
- "Desafinado" A. C. Jobim
- "Human behaviour" Björk
- "You said something" Pj Harvey


- Actividade: preparamos un disco con 3 cancións. Escribimos a letra de unha. Actividade para a semana seguinte: preparar 2 máis. Gravaránse con minidisc


3ª XORNADA: “ To the infinite...and beyond”

DURACIÓN: 2 HORAS

Máis aló dos temas/teimas eternos

-Amor: Cantar dos Cantares, Safo, Shakespeare, Cunqueiro,
- Morte: Rosalía, Poe
- Finxo a ficción: Don Quijote, Hamlet, Borges
- A ciencia-ficción
- O humor: Wilde, o glíglico de Cortázar
- A trascendencia do humano: Avilés de Taramancos

Actividade: crear un texto conxunto sobre algún tema a elixir

4ª XORNADA: “ Eu...Ti”

DURACIÓN: 2 HORAS

Literatura para cosmonautas: cómo contactar co máis alá da miña propia pel

- Diarios: Sei Shonagon
- Walt Whitman: “Quen toca isto, non toca un home, toca un libro”
- Os weblogs
- Publicidade: metáforas en TV
- Cine: contar con imaxes unha historia

13.6.05

50 anos de Merlín e familia



"Ás vegadas, por facer festa, o señor Merlín saía á eira, e nunha copa de cristal chea de auga verquía dúas ou tres gotas do licor que il chamaba "dos países ", e sorrindo coa aquela aberta sorrisa que lle enchía a franca faciana como enche o sol a mañán, preguntábanos de que coor queríamos velo mundo, e sempre que a min me tocaba responder, eu dicía que azul, i entón
don Merlín botaba a iauga, ao áer , e por un segundo o mundo todo, Esmelle todo arredor, as brancas torres de Belvís, as pombas i o can Ney, o roxo pelo de manoeliña, a branca barba de mi amo, o cabalo tordo, as bidueiras de Quintás i o toxo da coroa do Castro, todo era unha longa nuben azul que pouco a pouco se esvaía. O señor Merlín sorría namentras secaba a copa con un pano mouro. Esmelle, selva longa i antiga, na memoria lévoa eu de azul pintada, como si un enorme e morno luar apousara, nun repente, na terra."

Álvaro Cunqueiro, Merlín e familia, 1955
Yago Barcia e Francisco Varela Posted by Hello

Uff. Microrrelato de Séchu Sende.

Entrou na cafetaria, prendeu-se naqueles olhos, asombrou-se e soubo que atopara algo..., fixo uf e começou a..., mirou-na outra vez, e começou a ama-la, a quere-la, pensou e sentou á mesa mais achegada á cafeteira e sentiu, uf, que comezava a...
-Ola, dixo ela, que queres? -Quero... macela. Ao dia seguinte entrou á mesma hora e ela seguia ali e sentiu que, uf, que a queria, en sério, pensou. -Ola, dixo ela, que queres? -Quero... tila. Ao terceiro dia continuava querendo-a e começou a imaginar e a necesitar, ao mesmo tempo, que ela estava, que ela estivesse, começando a sentir isso tamém, uf. -Ola, que queres? -Quero... menta. Ao cuarto dia sentiu que já nom podia mais, que tinha que dicer-lho. Tenho que dicer-lho, pensou, uf. -Ola, que queres?, dixo ela. -Quero... te, dixo el. Ela abriu os olhos preguntando Como? e el dixo outra vez em baixinho Quero...te. E dixo Quero...te ao dia seguinte e Quero te ao seguinte e ao terceiro dia tamén dixo Quero te e entón ela dixo-lhe cos olhos Eu tamém.

A Celso F. Sanmartín


Séchu Sende foi o presidente do xurado do XII Certame Literario convocado polos IES David Buján, Afonso X o Sabio e polo concello de Cambre. Queremos felicitar especialmente ás compañeiras Irene Cid e Irene Gómez, do grupo de Técnicas de Expresión Escrita, polos accésit conseguidos.
Daniel Mella e Zeltia Pardavila

17.5.05

"Quixo ter un soño a terra"


Vieiros ofrécenos, como en anos anteriores, un magnífico especial letras galegas 2005.
Exiliados, especial do Arquivo da Emigración Galega e de culturagalega.org, cóntanos a historia dos miles de persoas que tiveron que fuxir despois da Guerra Civil española. Poderás seguir os acontecementos entre 1936 e 1984, escoitar a Castelao, a Lorenzo Varela recitando a Lorca ou a Susana Seivane recuperando o Cancioneiro Galego do músico lucense Bal y Gay (1905-1993) unha historia máis do exilio galego.
Posted by Hello

10.5.05

Botella solidaria.


Hoxe 10 de maio leremos na aula o manifesto da campaña Pobreza Cero. Queremos unir as nosas voces ás vosas para presionar contra a pobreza e a desigualdade. Sumámonos así ao II Blogomaratón Solidario. Un mundo máis xusto é posíbel!
Posted by Hello

2.5.05

H.C. Andersen 2005


O día 2 de abril cumpríronse 200 anos do nacemento de Hans Christian Andersen. Contos como O parrulo feo,O soldadiño de chumbo ou A raíña das neves forman parte da infancia de todos.
Lúa e Coral Posted by Hello

23.4.05

Atentado ou innovación?


No noso grupo de Ténicas de Expresión Escrita fixemos un dicionario de abreviaturas e emoticóns para os móbiles no que recollimos os máis usados polos nosos compañeiros/as do instituto. ¿Credes que isto das abreviaturas é unha ofensa para a ortografía ou unha nova linguaxe? Aquí vos deixamos algúns exemplos dun diccionario e unha entrevista coa profesora Carmela Domínguez Cuesta que estudia este tema.
Irene Cid e Laura Posted by Hello

Unha nova saída de Don Quixote e Sancho.


Unha profe catalá tivo unha iniciativa moi interesante cos seus alumnos que fixeron unha especie de diario como se estivesen escribindo Don Quixote e Sancho Panza.
Irene Gómez e Isabel Posted by Hello

17.4.05

Caligramas.


Ola compañeiros e compañeiras, nesta páxina de educalia poderedes pintar con palabras, realizar caligramas e outros xogos moi interesantes.
Emilys e Arantxa Posted by Hello

5.4.05

Letras Galegas 2005. Lorenzo Varela.


Todo o que queirades saber sobre o autor ao que se lle dedica o Día das Letras Galegas do ano 2005, encontrarédelo aquí grazas ao traballo da Biblioteca Virtual Galega.
Santiago e Aitor.Posted by Hello

14.3.05

Botella ao mar


A nosa botella xa navega por eses mares... Nas próximas semanas iremos publicando os nosos escritos, os nosos traballos e as suxestións de actividades para a última parte do curso. Se non es membro do grupo de Técnicas de Expresión Escrita (3º ESO C) e encontras a nosa mensaxe, dános a túa opinión, comenta os nosos escritos ou participa das actividades que propoñamos... Posted by Hello