"Ás vegadas, por facer festa, o señor Merlín saía á eira, e nunha copa de cristal chea de auga verquía dúas ou tres gotas do licor que il chamaba "dos países ", e sorrindo coa aquela aberta sorrisa que lle enchía a franca faciana como enche o sol a mañán, preguntábanos de que coor queríamos velo mundo, e sempre que a min me tocaba responder, eu dicía que azul, i entón
don Merlín botaba a iauga, ao áer , e por un segundo o mundo todo, Esmelle todo arredor, as brancas torres de Belvís, as pombas i o can Ney, o roxo pelo de manoeliña, a branca barba de mi amo, o cabalo tordo, as bidueiras de Quintás i o toxo da coroa do Castro, todo era unha longa nuben azul que pouco a pouco se esvaía. O señor Merlín sorría namentras secaba a copa con un pano mouro. Esmelle, selva longa i antiga, na memoria lévoa eu de azul pintada, como si un enorme e morno luar apousara, nun repente, na terra."
