15.3.07

Temos un Datas



O mural co que nos encontramos cada día ao chegarmos ao instituto é obra de Alberto Datas (A Coruña, 1935). Hoxe A. Datas, aos seus 72 anos, é catedrático emérito da Faculdade de Belas Artes da Universidade Complutense.
Nos primeiros anos da década dos oitenta A. Datas participou, xunto con outros artistas, no movemento Atlántica, que renovou o panorama das artes plásticas en Galicia. Foron tres exposicións que convulsioanaron o convencional mundo artístico galego. A súa obra, que ten percorrido o mundo en exposicións individuais e colectivas, converteuse en referencia de artistas de xeracións máis novas.

Di Lichtenberg que o costume é algo que non deixa ao espírito sobrevoar, lixeiro, por riba das cousas, senón que o ata a elas de maneira tal que non lle resulta doado liberarse. A pintura -e o debuxo- de Datas é unha loita contra o costume, contra a inercia, contra o aprendido. Datas pretende esquecer para achar unha nova memoria. Transgredila, para rescatala das sombras. Desdibuxar, para atopar unha expresividade máis libre, menos agardada, menos obvia. Que lle veña máis do fondo, para tocarnos máis no fondo a nós.

***
Que difícil crear desde a fenda, desde o bordo...
Restos de naufraxio chegan ás praias da arte, hoxe.

Xavier Seoane
Veña ese trazo...
Magma e dispersión na pintura de Alberto Datas
Texto incluído no volume publicado polo Centro Galego de Arte Contemporánea con motivo da exposición retrospectiva celebrada entre novembro de 1997 e febreiro de 1998.

0 comentarios:

Enviar um comentário