9.7.07
3.7.07
14.6.07
4.6.07
Entrevista a Pedro Silva
Ademais de blogueiro activo, Pedro Silva é licenciado en Xeografía e Historia e até hai pouco traballou como Administrador de sistemas na Consellería de Educación da Comunidade de Murcia. Hoxe traballa para C.T.I. TEGNIX, S.L. unha empresa galega dedicada ao software libre. Membro da asociación AGNIX, é o principal desenvolvedor do
GNIX, unha distribución GNU/Linux en galego para o pobo. Foi un dos impulsores de blogaliza.org e o seu xestor até hoxe. Tamén participou no nacemento de podgalego.org, lugar de encontro dos falangullos (podcast) en galego.
Estas foron as preguntas que amablemente respondeu para o alumnado de Técnicas de expresión escrita a través do correo electrónico. Poderedes ver esta entrevista impresa na revista do Equipo de normalización lingüística, O falar das ondas. Para ler a entrevista completa terás que facer clic en sigue lendo...
Preguntas:
Son moitos os blogues en galego?
Son unha boa cantidade. Que teñamos indexados, ou camiño de indexar, temos case 3000. Pero hai moitos máis. E o número crece coa mesma velocidade que no resto do espazo blogues, duplicando cada seis meses. Precisamente levamos uns meses traballando na automatización deste proceso de altas, pero mentres non o temos feito, precisamos de colaboración.
Sigue Lendo...
En que consiste o proxecto Blogaliza?
Comezamos coma unha palabra, coma blogsphere, ou blogsfera. Un pequeno grupo de blogueiros que queriamos facer algo máis. Algo relacionado coa nosa lingua e os blogues. Despois foi blogaliza.org, coma un espazo na rede para autodefinición deste debate. E hai case un ano (por certo, dentro de nada vai ser o primeiro cabodano de blogaliza.org, tal e coma o coñecemos hoxe), un proxecto máis intenso: un hosting para blogues en galego baseado no mellor software:wordpress. Agora seguimos crecendo, temos case 1000 blogues no hosting.
Que podemos encontrar na páxina de Blogaliza?
Tres ideas que creceron no proceso de debate daqueles primeiros tempos. Tres servizos para a comunidade dos que fan blogues en galego:
Que fai falta para ter un blogue en Blogaliza? Hai que saber moitas cousas de informática?
Moitas, moitas, non. Algunhas, si. Hai que saber encender o computador, abrir o navegador e ir cara a http://blogaliza.org. O resto é tan sinxelo (e tan difícil) coma levar un diario en papel (árbores mortas), ou un receitario na cociña.
Oímos falar da web 2.0? Que relación teñen os blogues coa web 2.0?
Primeiro habería que explicar de onde vén o 2, e cal foi o 1 que estivo antes. Habería que falar do CERN, do Mosaic, e do hipertexto. E máis antes, das redes tcp/ip, deseñadas nos paranoicos anos da guerra fría, e capaces de se auto-organizar para manter o tráfico a pesar da caída dalgúns dos seus nodos nunha hipotética situación de guerra total... Tamén das ligazóns (o “hipertexto”) e da narrativa non lineal, filla do discurso oral inzado de referencias que o fan labiríntico e espiral. Pero tamén da distancia entre os “produtores de contidos” e os “consumidores de contidos” naquel tempo da primeira revolución de internet. Pero tamén das interfaces gráficas, daquel vello trebello chamado “rato” que xa debe ter os seus días contados. E do computador persoal, e das redes, como non.
Polo que respecta aos blogues, son unha das ferramentas que fixeron a chamada “revolución da web participativa”. Antes dos blogues, para “opinar” en internet había que “escribir en html”, fora do xeito que fora, ben fora aprendendo, ou pagando. Os blogues facilitan unha interfaz sinxela para escribir e publicar contidos multimedia na web. Calquera pode dicir o que queira. Esta facilidade é a que deu lugar á explosión de contidos en internet nos últimos dous anos.
Vemos na información sobre ti que es un dos programadores dunha distribución GNU/Linux en galego, cal cres que é o futuro do Software libre? Como podemos conseguir Linux en galego?
Primeiro aclarar que non programei nin unha liña de código para a tal distribución de gnu/linux en galego, o GNIX. O meu traballo no equipo de desenvolvemento deste proxecto limitouse simplemente a empregar unha metodoloxía de personalización que permite ter unha distribución de linux galeguizada cun mínimo esforzo, a partir do traballo desinteresado de moitos grupos de usuarios, desenvolvedores e tradutores, que son os que fan o “traballo real”.
Aclarado este punto, dicir que o futuro do software libre, no curto prazo, é ser coñecido e empregado en tódolos espazos de emprego da computación. No longo prazo agardo que sexa o “modelo a seguir” noutros ámbitos do coñecemento nos que, igual que pasa na informática, o produto pódese copiar sen perda de información e sen custe. Será a revolución da distribución da información, que segundo algún gurú do MIT, xa rematou, e gañaron os bos. Entón, os das entidades de xestión de dereitos autoriais serían coma o xaponés que seguía agochado nunha illa do pacífico, sen saber que a guerra xa rematara.
Podedes atopar e descargar linux en galego na web da asociación que promove o GNIX. E podes copialo, regalalo e distribuílo na forma que prefiras, porque TES DEREITO A FACELO.
Por certo, non é preciso que utilicedes MSWord para escribir os vosos documentos de texto, non é preciso que paguedes por ese software. Tendes OpenOffice, en galego e libre.
Apertas!
Publicada por
Xoán
à(s)
10:30
3
comentarios
Etiquetas: entrevista, Pedro Silva, software libre
28.5.07
"Só quedan, tal vez, as nubes"

TRAS A MAR, DENTRO DELA
baixo ela, fonduras
de pel de anémona.
Xenitais no refuxio:
perda. Pasada pedra
percebeira que rompe
o corazón. Camiño
declinante do clarón.
Encaixe do coral co
hipocampo de sal. Dos
beizos da ondina ao
torso do afogado.
Baba, escuma e a súa desaparición.
Levitación do xeo
estela de escualo
burbullar de cinema.
Corrente revirada
a través do galeón.
Corusca o esperma
polo ollo do polbo.
Cometas de aceiro
pombas que soñou poeta
polo teito gasoso.
Deriva encantada
do rumbo naufragado.
Poema e voz: Xabier Correa Corredoira.
Gravación: 25/05/07
Imaxe: Arroace. 1985. Linóleo. Proba de autor. 9x21 cm
Música: Amatorius de Rodrigo Leão
Xabier Correa Corredoira animou coa súa presenza e coas súas palabras a entrega de premios do XIV Certame Literario de Cambre. Xabier (A Coruña, 1952) é pintor, gravador, escultor, e nun tempo inicial quixo ser poeta. Do seu paso polo noso instituto déixanos a impresión da súa humanidade e estes versos que escoitastes na súa propia voz.
Penso que a súa obra, dalgún xeito, leva unha mensaxe nunha "botella al mar", e que nese manuscrito submariño poderemos ler estas palabras como un recado para o mundo: "Só quedan, tal vez, as nubes"
Publicada por
Xoán
à(s)
22:03
0
comentarios
Etiquetas: audio, Correa Corredoira, podcast, poema, poetas na súa voz
15.5.07
2.5.07
María Mariño Carou, un podcast
Guión e voz do narrador: Andrés Ibañez
Voz de María Mariño: Mar Castro
Poemas recitados (por orde de intervención): Iria Vázquez, Sara García, Alejandra Lozano e Rocío Paredes
Técnico de Son: Antón Calvo
Música: Enya
(Willows on the water, Day without rain e Pax Deorum)Silencios e outros ruídos: grupo de Literatura galega do século XX, 2º Bac.
Foto: cabrafanada
Publicada por
Xoán
à(s)
12:30
10
comentarios
Etiquetas: audio, María Mariño, podcast
23.4.07
Web2.0. A máquina somos nós
Este vídeo, que foi moi comentado hai algunhas semanas na blogosfera, vainos dar pé no grupo para falarmos de texto dixital e diso que algúns chaman a Web2.0. O seu autor, Michael Wesch, profesor de Antropoloxía Cultural na Universidade estatal de Kansas, titulouno The machine is us/ing us. Como entendedes este título? Podedes ver unha versión subtitulada en español, ou seguir cada unha das frases do vídeo traducidas en juque.
Publicada por
Xoán
à(s)
18:19
2
comentarios
Etiquetas: texto dixital, web2.0
27.3.07
Viaxe
Ítaca
I
Quan surts per fer el viatge cap a Ítaca,
has de pregar que el camí sigui llarg,
ple d'aventures, ple de coneixences.
Has de pregar que el camí sigui llarg,
que siguin moltes les matinades
que entraràs en un port que els teus ulls ignoraven,
i vagis a ciutats per aprendre dels que saben.
Tingues sempre al cor la idea d'Ítaca.
Has d'arribar-hi, és el teu destí,
però no forcis gens la travessia.
És preferible que duri molts anys,
que siguis vell quan fondegis l'illa,
ric de tot el que hauràs guanyat fent el camí,
sense esperar que et doni més riqueses.
Ítaca t'ha donat el bell viatge,
sense ella no hauries sortit.
I si la trobes pobra, no és que Ítaca
t'hagi enganyat. Savi, com bé t'has fet,
sabràs el que volen dir les Ítaques.
Case todos os membros do grupo de Técnicas de expresión escrita de 4º da ESO viaxan esta semana a Canarias. Para este tempo de partidas e regresos, esta canción de Lluís Llach que por estes días se despide dos escenarios despois de case 40 anos de vida profesional. Esta primeira parte da canción é unha adaptación do poema de Kavafis, Ítaca, que coñecedes ben. Se pasades o cursor sobre os versos poderedes ler unha tradución ao galego.
Poemas de K. Kavafis en Ciudad Seva, portal literario e cultural.
K. Kavafis en emfocarte.com, semblanza e selección de poemas.
Publicada por
Xoán
à(s)
17:55
2
comentarios
Etiquetas: Ítaca, Kavafis, Lluís_Llach, poesía, viaxe
23.3.07
A nosa botella en Brétemas
O editor Manuel Bragado ten dedicado unhas amábeis palabras para o noso taballo no seu coñecidísimo blogue Brétemas. Moitas das últimas visitas chegáronnos desde a súa páxina. Unha destas visitas foi a de Sônia Bertocchi, blogueira brasileira, autora de Lousa Digital, un blogue sobre o uso pedagóxico da internet, que nós lemos con frecuencia, e que recolleu o comentario do director de Edicións Xerais. Obrigados e parabéns a todos.
Publicada por
Xoán
à(s)
21:07
1 comentarios
Etiquetas: botella, Brétemas, Lousa_Digital, Manuel_Bragado
15.3.07
Temos un Datas

O mural co que nos encontramos cada día ao chegarmos ao instituto é obra de Alberto Datas (A Coruña, 1935). Hoxe A. Datas, aos seus 72 anos, é catedrático emérito da Faculdade de Belas Artes da Universidade Complutense.
Nos primeiros anos da década dos oitenta A. Datas participou, xunto con outros artistas, no movemento Atlántica, que renovou o panorama das artes plásticas en Galicia. Foron tres exposicións que convulsioanaron o convencional mundo artístico galego. A súa obra, que ten percorrido o mundo en exposicións individuais e colectivas, converteuse en referencia de artistas de xeracións máis novas.
Di Lichtenberg que o costume é algo que non deixa ao espírito sobrevoar, lixeiro, por riba das cousas, senón que o ata a elas de maneira tal que non lle resulta doado liberarse. A pintura -e o debuxo- de Datas é unha loita contra o costume, contra a inercia, contra o aprendido. Datas pretende esquecer para achar unha nova memoria. Transgredila, para rescatala das sombras. Desdibuxar, para atopar unha expresividade máis libre, menos agardada, menos obvia. Que lle veña máis do fondo, para tocarnos máis no fondo a nós.***Que difícil crear desde a fenda, desde o bordo...
Restos de naufraxio chegan ás praias da arte, hoxe.
Veña ese trazo...
Magma e dispersión na pintura de Alberto Datas
Publicada por
Xoán
à(s)
12:30
0
comentarios
3.3.07
100 anos de cine en 8 minutos
Co grupo de Técnicas de expresión escrita de 4º participamos, ao comezo do 2º trimestre, no programa Audiovisuais nas aulas 2006: iniciación ao audiovisual. Foron sete sesións nas que falamos de cine e dos elementos básicos que constitúen a linguaxe audiovisual. Antón, o monitor que dirixiu a actividade, elexiu Mar adentro para mostrarnos, da man de Amenábar, como se elabora un guión, como se localizan os exteriores, os días de rodaxe, ou como a película colle corpo na sala de montaxe.
Ás veces buscar exemplos de películas que teñamos visto os profes e o alumnado resulta difícil. Chuck Workman gañou en 1986 un Oscar á mellor curtametraxe con Precious images, unha montaxe de secuencias breves de películas americanas. Despois, en 1994, realizou unha versión que titulou 100 Years at the movies como homenaxe ás máis importantes películas americanas do século XX. Parece que é esta segunda versión a que está colgada en YouTube. Propóñovos que fagamos o seguinte exercicio: visionade estes oito minutos de vídeo e intentade recoñecer o maior número posíbel de películas, despois contrastade as vosas impresións con esta relación dos 469 fragmentos que inicialmente formaron o videoclip. Sen dúbida haberá unha relación directa entre a vosa idade e o número de títulos recoñecidos.
Visto en: Microsiervos; e Cuaderno
Publicada por
Xoán
à(s)
12:17
3
comentarios
21.2.07
Que trinta anos non é nada

Sting (baixo e vocalista), Andy Summers (guitarra) e Stewart Copeland (batería), The Police, volveron a tocar xuntos cando se cumpren trinta anos desde que formaran o grupo en 1997. A banda británica anuncia unha xira de oitenta concertos e un novo disco cos seus grandes éxitos entre os que non poderá faltar Message in a bottle (mensaxe nunha botella) incluída no LP Reggatta de Blanc (1979)
Saín a camiñar esta mañá
non podo crer o que vin
cen mil millóns de botellas
arrastradas polo mar na praia
parece que non estou só nisto de estar só
cen mil millóns de náufragos
buscando un fogar
Enviarei un SOS ao mundo.
Enviarei un SOS ao mundo.
Espero que alguén reciba a miña
mensaxe nunha botella.
The Police na Wikipedia.
Discografía.
En YouTube:
The Police, Message in a bottle.
Xuntos en 2003 con motivo da entrada da banda no Salón da Fama do Rock.
Na entrega dos premios Grammy 2007.
Publicada por
Xoán
à(s)
18:44
2
comentarios
Etiquetas: mensaxe, The Police
8.1.07
Marica Campo e Djuna Barnes
Marica Campo convídanos a (re)descubrir a escritora estadounidense Djuna Barnes (New York 1892-1982) autora de O bosque da noite (Nightwood) (1936).
amarga, nada" sempre repetías
a ser o eco nas noites e nos días
de quen che dera así a coitelada.
A flor dunha paixón, morta coa amada
voz que te nomeaba e te fería,
gardada baixo a axila revivía
e era unha rosa grande e incendiada.
Xuraches vida eterna para a rosa,
a soas co teu gato e coa amargura,
formidable muller e poderosa
contra o tempo que todo borra e cura.
Desde unha nada amarga, valerosa,
estreaches en vida a sepultura.
Marica Campo, Mulleres
Publicada por
Xoán
à(s)
11:20
2
comentarios
Etiquetas: audio, Djuna Barnes, Marica Campo, podcast, poema, poetas na súa voz































